O Banco de Alimentos de Vigo repartiu preto de 1,8 millóns de quilos de comida durante 2019

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de comida (1.779.447 quilos) durante 2019, atendendo a 20.000 persoas vulnerables na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa. A cifra é practicamente igual á de 2018 cando se entregaron un total de 1.760,629 quilos).

Entre os alimentos distribuídos ao longo de 2019 destacaron, entre outros, 538.416 litros de leite, 216.768 quilos de pasta e arroz, 103.814 litros de aceite, 92.529 quilos de conservas vexetais ou 75.323 quilos de galletas

En Pontevedra e comarca, o Banco de Alimentos entregou entre os colectivos sociais cos que colabora uns 200.000 quilos de comida axudando, á súa vez, a máis de 5.000 persoas.

Primeira Operación Quilo, a finais de febreiro

Será durante a última fin de semana deste mes de febreiro cando a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo renove as súas tradicionais Operacións Quilos nas distintas superficies comerciais coas que traballa estreitamente.

Cando se cumpren tres meses da celebración da Gran Recollida o 22 e 23 de novembro na que se recadaron 315.000 quilos de comida, é necesario volver botar man deste tipo de accións solidarias coas que a entidade poida seguir facendo provisión de produtos básicos. Son precisamente alimentos como o leite, o aceite, as galletas, o cacao ou tipo de conservas os máis demandados polas entidades e que, a día de hoxe, comezan a escasear nos andeis dos almacéns tanto de Vigo como de Pontevedra.

25 anos de actividade

A ONG, que este ano cumpre 25 anos de actividade, caracterízase por ser apolítica e aconfesional. Dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Cobre o 35% das necesidades das persoas ás que axuda.

Anuncios