Nigrán abre a inscrición para os cursos de prevención da deterioración cognitiva e benestar físico

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Cursos para maiores.

O Concello de Nigrán retoma o programa integral para a prevención da deterioración cognitiva e benestar físico e emocional dirixido a maiores de 60 anos e pensionistas empadroados no municipio. Nesta nova edición impartiranse cinco obradoiros para exercitar a memoria os martes ou xoves en horario de tarde, dous obradoiros de “Vivilo Corpo” que serán durante as mañás dos martes e xoves e, finalmente, tres de informática os mesmos días pola mañá. As prazas asignaranse por rigorosa orde de recepción de solicitudes a partir do luns 17 de febreiro e ata o venres 21 na Oficina de Información Cidadá do Concello (a partir das 9:00 horas). Os cursos desenvolveranse no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa a partir da primeira semana de marzo.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores. O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, da deterioración cognitiva, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, como este tipo de cursos que tamén levamos neste ano a Chandebrito, turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas para os que sí teñen deterioro cognitivo”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Anuncios