Exposición de Javier Pereiro con ilustracións realizadas con máquina de escribir en Nigrán

O Concello de Nigrán inaugura mañá xoves ás 19:30 horas no Auditorio Municipal a exposición da obra de Javier Pereiro, veciño do municipio que desde a súa xuventude crea imaxes empregando só as letras dunha máquina de escribir manual. Pereiro ofrecerá unha visita guiada aos asistentes explicando polo miúdo a súa técnica. Permanecerá aberta ata o 28 de febreiro (polas mañás de 10:00 a 13:30 e, os fins de semana e polas tardes, segundo se hai actividade no Auditorio).

Á idade de 14 anos, no 1959, Pereiro comezou a empregar a súa Remington Underwood para retratar, sobre todo, actores famosos como James Dean, cantantes como Antonio Campó (pai de Marta Sánchez) ou futbolistas. Centrouse especialmente no cine e no fútbol, as súas grandes paixóns. Na mostra, con máis de 30 cadros expostos, poderase apreciar a súa evolución artística.

Anuncios