Sin categoría

Encontro coral en Nigrán con Ecos do Castelo, o Conservatorio de Málaga e Gli Appassionati

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 15 de febreiro desde as 20:00 horas no Auditorio Municipal un encontro entre os coros Ecos do Castelo (Parada-Nigrán), o do Conservatorio Superior de Música de Málaga (sendo a primeira vez que este último se despraza da súa provincia) e, finalmente, Gli Appassionati (Vigo). Cada un interpretará catro pezas que van desde habaneras, a versións do pop ou grandes clásicos. A entrada é de balde ata completar aforo.

O coro Ecos do Castelo, dirixido por Manuel Carmona e pertencente ao CCD Bolos da Carrasca, en Nigrán, abrirá o encontro con “Meu amor é mariñeiro”, “Chuva de prata”, “Romance de lavandeira – costureiriña bonita” e “Sapo cancionero”.

A continuación, o Coro do Conservatorio Superior de Música de Málaga, formado polo propio alumnado que cursa esta materia e dirixido por Ángeles Rozas, profesora na Cátedra de Dirección de Orquestra e Directora Titular da coral “Aída” de Jaén, interpretará “Twinkle, Little Star”, “The Seal Lullaby”, “Indiana nº1 Gala del Día” e “En mi viejo San Juan”.

Finalmente, Gli Appassionati, considerado unha das mellores formacións de España con 11 premios nacionais que así o avalan, interpretará “Media Vita”, “Sleep my child”, “Hodie natus Christus est” e “Yesterday”. Gli Appassionati nace no ano 2012 da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo. Este é un coro integrado por mozos apaixonados polo canto e a música en xeral e representa a consolidación dun esforzo por crear unha formación vocal de gran calidade.