Segundo asalto para o Okofen que se coloca líder da Liga de Inverno de J80

O Okofen patroneado por Javier de la Gándara, aspirante a revalidar o título da competición, colocouse este sábado líder da Liga de Inverno de J80 do Monte Real Club de Yates. Fíxoo tras asinar case un pleno con dous primeiros postos nas tres probas disputadas durante o que foi o segundo dos cinco asaltos programados na liga invernal de monotipos.

O Okofen foi, sen dúbida, o mellor da frota, e quitouse a espiniña da primeira xornada, na que se tivo que conformar cun segundo posto por detrás do Alboroto de Javier Aguado. Nesta ocasión, os de De la Gándara non só fixéronse co liderado, senón que volveron demostrar o seu poderío, sacándolle aos seus rivais unha diferenza de ata 3 minutos nalgunhas probas.

Foi así na primeira manga deste sábado, na que cruzaron a liña de chegada moi por diante do Ay Carmela de Juan Pazó, do Liceo Marítimo de Bouzas, que quedou segundo; e do Cansino de Nano Yáñez, que cruzou terceiro.

Na segunda proba, que foi xa algo máis axustada, o Okofen repetiu vitoria. A tripulación do Due, liderada por Fernando González, do Real Club Náutico de Portosín; e o Namasté de Luis de Mira, do Monte Real, quedaron segundo e terceiro respectivamente.

O comité de regata, presidido por Víctor Robleda, deu inicio a unha terceira proba, pero unha importante caída do vento obrigou a acurtala a metade de percorrido. Na que foi a última manga do día resultou gañador o Namasté, seguido do Okofen e o Alboroto.

Así as cousas, coas tres probas puntuables desta segunda xornada sumadas ás dúas da primeira xornada o Okofen de Javier de la Gándara colócase, con 7 puntos, en primeira posición, arrebatándolle o liderado ao Alboroto de Javier Aguado, que este sábado estivo patroneado polo seu armador Juan Carlos Ameneiro, e que vai terceiro na xeral con 26 puntos. A prata provisional é para o Cansino de Nano Yáñez, con 24 puntos, a 17 do líder.

A próxima cita coa Liga de Inverno de J80 é o vindeiro sábado 7 de marzo. Previamente, o Monte Real acollerá a celebración do 50º Campionato Galego de Optimist – Trofeo Baitra, que se disputará entre o sábado 22 e o luns 24.

Anuncios