O Partido Popular de Baiona reprocha ao tripartito PSdeG, BNG e Nós que non reactivase o servizo nocturno da Policía Local a pesar de que así o prometeu en 2019 tras a preocupación dos veciños pola “inseguridade” que xeraba esta decisión. Para os populares, o Alcalde, Carlos Gómez, “incumpriu” a súa palabra “e segue sen garantir a seguridade dos baioneses durante as noites a pesar de que durante as xornadas diúrnas traballa un exceso de axentes”. Concretamente, no mes de febreiro hai 12 días nos que coinciden nunha mesma quenda diúrna ata cinco axentes cando o habitual son quendas de dous.
Para o grupo municipal popular, “cunha boa organización o persoal de 10 axentes dispoñibles neste momento no Concello é máis que suficiente para volver activar un servizo imprescindible para a seguridade dos veciños e tamén para a imaxe pública de Baiona a nivel turístico e de prestixio” debido a que “poderían chegar a perderse galardóns que custou moito conseguir e que sitúan a Baiona entre os mellores destinos nacionais”. Con todo, non facelo “demostra a falta de planificación e de caos que existe na xestión do consistorio” e que “repercute directamente nos veciños que pagan os seus impostos relixiosamente pero que aos poucos se van quedando sen servizos”.
Eliminar o servizo nocturno definitivamente
Os populares cren que tendo en conta a “pouca disposición do Alcalde para repoñer un servizo como o da seguridade nocturna a pesar de contar con persoal suficiente para facelo” demostra a “intención” do tripartito de “eliminar definitivamente o servizo nocturno de Policía Local”. “Desde que non hai Policía Local polas noites producíronse roubos e actos vandálicos con total impunidade”, aseguran desde o PP e pregúntanse “que pasará no verán cando a poboación duplíquese e, por tanto, o número de incidentes”.

