
O pavillón municipal de Teis en Vigo acolleu este sábado os Campionatos Galegos júnior e escolar de Loitas Olímpicas, organizados pola Federación Galega de Loita en colaboración co Club de Loita San Ignacio de Vigo. O Club de Loita Sabarís proclamouse campión na categoría júnior, tanto na modalidade de loita libre olímpica como na grecorromana, cun total de 10 medallas, 5 de ouro e outras tantas de prata.
Na categoría escolar, Anxo Lomba logrou a medalla de ouro e Pedro Míguez a de prata, na modalidade libre olímpica. Na categoría júnior, fixéronse co ouro David González en libre e grecorromana 60 kg, Diego Otero en libre olímpica 70 kg e Cristian Suárez en grecorromana 80 kg, logrando ademais a prata en loita libre. Para Anxo Uzal en loita libre 65 kg e Jesús Forcao en loita olímpica e grecorromana, foron as outras tres medallas de prata.
O Campionato Galego contou cun total de 138 inscricións para as categorías júnior e escolar, sendo un dos máis concorridos dos últimos anos. En total houbo 14 equipos que representaban ás catro provincias galegas neste torneo de máximo nivel autonómico. A competición desenvolveuse en xornada de mañá, dende as 10:00 ata as 14:00 horas, de xeito ininterrompido, sendo o primeiro filtro para seleccionar aos deportistas que acudirán aos Campionatos de España representando a Galicia en ambas categorías de idade.
Os seleccionadores galegos estarán moi pendentes dos resultados dos deportistas para confeccionar as diferentes seleccións galegas. Cabe destacar o aumento no número de deportistas femininas que compiten nas Loitas Olímpicas, sendo Galicia un referente a nivel nacional nesta modalidade.