O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Val Miñor que cursa a materia de Bioloxía e Xeoloxía participa no programa de voluntariado “Apadrina una Roca” do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, co obxectivo de promover a conservación e seguimento do patrimonio xeolóxico español. Baixo este programa o alumnado decidiu apadriñar Monteferro, un espazo catalogado no Inventario Español de Lugares de Interese Xeolóxico como Lugar de Interese Xeolóxico. Coa participación neste programa de voluntariado, o alumnado comprométese coa preservación deste espazo debendo comunicar calquera incidencia que ameace a súa conservación.
O valor xeolóxico de Monteferro reside nos metasedimentos do complexo de A Lanzada-O Rosal, un grupo de rochas e estruturas metamórficas orixinadas na oroxenia Varisca hai aproximadamente 350 millóns de anos que hoxe forman parte do Macizo Ibérico. A importancia xeolóxica deste enclave motivou o establecemento dun roteiro xeolóxico organizado polo Concello de Nigrán ao que agora se suma o alumnado do IES Val Miñor, que fai de Monteferro unha aula ao aire libre onde aprender a orixe xeolóxica desta zona sur da provincia de Pontevedra a través dos singulares afloramentos rochosos que presenta.
A península de Monteferro constitúe un elemento patrimonial natural de primeira magnitude na sostibilidade territorial do Concello de Nigrán que debe ser protexido e conservado evitando a súa degradación. Tal e como afirma o profesor do centro de ensino Juan Hermida, “vincular a aprendizaxe nas aulas coo contorna máis próxima é fundamental nunha sociedade que cada vez máis, vive desvinculada do medio natural que a rodea porque tan só amamos e protexemos o que coñecemos”.



