Sin categoría

Gondomar pon en marcha o programa “Cultiva a mente” da man de Afaga Alzheimer

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, asistiu esta mañá ao comezo do programa “Cultiva a Mente”, talleres que desenvolverá no municipio a Asociación de Familiares de Alzheimer e outras demencias de Galicia, Afaga Alzheimer, e co que se busca previr a demencia e promocionar hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional das persoas maiores de 55 anos.

Paco Ferreira saudou aos participantes e lembrou a importancia que ten o feito de “manter viva a nosa mente, de apostar por políticas que promovan o envellecemento activo dos nosos maiores facilitándolles as ferramentas e medios necesarios para logralo porque na súa terceira mocidade teñen moito que dicir”.

O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, que agradeceu ao Concello de Gondomar “a súa aposta por unha visión transversal das persoas maiores e por visibilizar como éxito das nosas sociedades a súa lonxevidade e todo o que poden achegar aínda”.

Neste sentido subliñou a prevención como un elemento fundamental “para manter activo o noso cerebro. Exercitalo durante toda a nosa vida é moi importante porque será a ferramenta que nos permitirá manter a nosa autonomía, e lograr maior calidade de vida e independencia”.

Os talleres “Cultiva a Mente” serán impartidos por unha psicóloga e abordaranse diferentes cuestións. Así dentro da área de hábitos saudables prestarase especial atención ao envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, así como a aposta pola independencia e autonomía.

Dentro do ámbito das capacidades cognitivas traballarase facendo fincapé en aspecto como as funcións executivas, a memoria, a atención, a orientación, a linguaxe e o cálculo, entre outros.

Un total de 30 persoas (divididas en dous grupos) participarán nos talleres, que se desenvolverán unha vez á semana, cunha duración de dúas horas.