Nigrán aproba o proxecto para rehabilitar a cafetería da instalación municipal de Dunas de Gaifar

O goberno de Nigrán aprobou este luns o proxecto para rehabilitar e dotar de accesibilidade universal a cafetería das instalacións municipais de Dunas de Gaifar co obxectivo de volver a sacar a concurso público a súa xestión (actualmente sen actividade tralo cese do concesionario, ao que o Concello liquidou a fianza de 17.000 €). O investimento, cifrado en 39.957 €, contempla reparar e repoñer os elementos que non se atopan en condicións óptimas ou foron retirados, así como mellorar a accesibilidade. Non se realizarán cambios na distribución dado que o uso de cafetería se manterá. O prazo de execución destas obras, cuxa licitación estará lista nas vindeiras semanas, é de dous meses.

“O obxectivo é entregar a cafetería ao futuro concesionario nun estado óptimo porque repercutirá no beneficio de todos os usuarios e da propia imaxe de Nigrán. Trataremos de tramitar as obras e a concesión no menor prazo de tempo posible pero sen que iso limite ou condicione o noso obxectivo de mellorar o espazo”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, quen avanza que, a diferenza dos anteriores contratos, a futura adxudicación da cafetería “será en aluguer e desligada por completo da xestión deportiva das pistas ou de mantemento da parcela”.

Segundo o proxecto aprobado, eliminaranse os cortaventos do alzado nordeste ao impedir a accesibilidade e dotaranse aos aseos do equipamento preciso para persoas con mobilidade reducida, xa que actualmente carece del. Paralelamente, debido ao seu mal estado, repararase por completo a cuberta e os seus petos e substituirase o canlón; revisaranse e completaranse as instalacións de fontanería e eléctrica (faltan moitas luminarias e algunha toma); implementarase a ventilación e repoñerase o pavimento da zona de pública da cafetería (está moi desgastado e presenta irregularidades). Finalmente, as carpinterías exteriores de aceiro serán renovadas dado o seu gran deterioro, mentres que as interiores só precisan ser pintadas e reparadas puntualmente. As obras contempladas inclúen o pintado da fachada e dos interiores (atendendo tamén aos revestimentos).

Finalmente, cunha finalidade estética, instalaranse pezas de madeira en vertical en dous tramos de fachada, por un lado na que dá cara as pistas de tenis e, por outro, na posterior, co fin de limitar o actual impacto visual das instalacións de aire.