Un matrimonio precipítase co seu vehículo dende a muralla do Parador de Baiona

Dúas persoas resultaron feridas esta tarde despois de que o turismo no que circulaban caese desde a muralla da Fortaleza de Monte Real, moi preto do Parador de Baiona, cara o paseo de Monte Boi. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as dúas persoas que viaxaban no coche, tratábase dun matrimonio e un Porsche Cayenne, foron trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Os feitos sucederon ao fío das 15:50 horas. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do ocorrido. Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Val Miñor e da Policía Local, que investiga as causas do suceso. Podería deberse a un posible fallo do condutor ao tratarse dun vehículo de gran cilindrada e cambio automático. Un camión grúa de grandes dimensións xa retirou o turismo.