O Vigo-Rías Baixas aposta polo talento do ponteareán Amil

O persoal do Vigo-Rías Baixas na tempada 2020 vai ser a “máis galega” dos últimos anos. Á nómina de corredores da terra que defenderán as cores da entidade presidida por José Luis Chamorro incorpórase Carlos Amil. O ponteareán chega ao equipo flúor procedente do Supermercados Froiz.

“O obxectivo é ser competitivo e recuperar o nivel que penso que teño”, apunta Amil, un ciclista en torno ao cal había creadas grandes expectativas cando deu o salto ao pelotón amateur. Ese talento non pasou desapercibido para o Ampo vasco, a súa primeira formación na categoría. Agora, aos seus 21 anos, quere facer borrón e conta nova: “Despois dun 2019 complicado, afronto esta tempada coa idea de ser importante para o equipo, tanto pola miña experiencia como polo rendemento que podo dar”.

A partir do mes de febreiro o corredor sub-23 de Ponteareas quere agradecer nas carreiras a confianza que lle transmitiu “o Vigo-Rías Baixas e especialmente Modesto Pérez”, afirma Amil, sinalando a un dos integrantes do staff técnico que lidera Marcos Serrano. “Temos un bo equipo, con xente nova e outra máis veterana que vai axudar a dar equilibrio”, indica.

O próximo 1 de febreiro a décimo cuarta fichaxe da estrutura olívica presentarase no Parador de Baiona xunto ás outras caras novas deste ambicioso proxecto: Íñigo Rodríguez, Pelayo Monasterio, Brais Gómez, Manuel Sampedro, Jon Tena, Mauricio Moreira, Víctor Etxeberría, Íñigo González, Edwin Torres, Noel Martín, Joan Nicolau, Asier González e Guillermo Mallo.

Aínda que a dirección do club tiña previsto pechar o persoal con catorce corredores, nos últimos días xurdiulle a posibilidade de contar nas súas filas con outro ciclista galego de calidade contrastada. Un reforzo que espera confirmar a próxima semana.