Nigrán aproba o proxecto para acondicionar a zona de rodadura do Paseo Marítimo de Panxón

O Concello de Nigrán aprobou na Xunta de Goberno o proxecto para acondicionar a zona de rodadura do paseo marítimo de Panxón, orzado en 122.300 € e que será incluído no Plan Concellos 2020. “É un tramo que se atopa nun estado calamitoso, provocando caídas continuas de peóns, polo que tras anos e anos realizando parches compre dar solución definitiva a este problema que existe practicamente desde a orixe do empedrado co conseguinte malestar veciñal; é ademais un dos principais escaparates de Nigrán e presenta unha imaxe negativa que ao fin se solucionará cunha lastra axeitada”, explica o alcalde, Juan González.

A actuación comprende o levantamento das lousas dispostas (moitas delas rotas e descolocadas provocando non só as caídas de peóns, senón tamén ruído no tránsito de vehículos e dificultade na condución) repoñéndoas por lastras de pedra de 15 cm de espesor (13x13x10 cm). Esta obra de mantemento e conservación de firme comeza no entronque do paseo marítimo coa rúa Mariñeiro e finaliza na Travesía Cidade de Vigo no encontro con Camiño do Regueiro. Durante as obras, cun prazo previsto de 2 meses, o tráfico poderá seguir circulando coas debidas garantías.

O goberno de Nigrán incluirá no Plan Concellos 2020 un total de 773.305,23€ de investimento para actuacións como a instalación de saneamento e abastecemento na Carrasca por 138.344 €; a restauración e posta en valor de 7 lavadoiros de Camos, Parada, Priegue e Panxón por 129.000€ ; saneamento e reposición de firme na rúa Carreiro (Panxón) cun orzamento base de 90.547 € e de 51.084 € na Carousa (Camos); rehabilitación das casas dos mestres de Nigrán para o uso da terceira idade, máis saneamentos…

Anuncios