O Vigo-Rías Baixas presentarase o 1 de febreiro con Nicolau como unha das súas novidades

O renovado proxecto do Vigo-Rías Baixas realizará a súa posta de longo o sábado 1 de febreiro no Parador de Baiona. Nese acto de presentación unha das caras novas da entidade presidida por José Luis Chamorro chegará desde Mallorca. O sub-23 Joan Nicolau convértese na undécima fichaxe do conxunto olívico para a tempada 2020.

Natural do municipio de Porreres, este corredor de 22 anos militou a pasada campaña no Telcom navarro. Ao empezar a competir sendo sub-23, trátase dun ciclista con marxe de progresión. No seu palmarés destaca o título de campión autonómico sub-23 de fondo na estrada conquistado en 2017.

Nicolau reencontrarase no Vigo-Rías Baixas con Marcos Serrano. O director deportivo de Chapela dirixiu o pasado ano ao mallorquino na Volta ao Futuro, proba do calendario portugués. “Tiven a oportunidade de disputala cedido no Padronés e dirixiunos Serrano. Gustoume moito a súa maneira de entender o ciclismo. Se iso unímolo á experiencia, ambición, seriedade e palmarés do Vigo-Rías Baixas, creo que fan a unión perfecta”.

Defendendo a camisola flúor Nicolau espera “mellorar e aprender”, ademais de “cumprir os obxectivos que nos marca o equipo. Temos que estar á altura das esixencias porque o club fai un gran esforzo para que nós podamos competir nas mellores condicións”. Pola súa idade, o gañador en 2019 do Trofeo Sa Cadència é un dos ciclistas que pode tomar parte nas carreiras puntuables para a Copa de España.

O balear volverá ter como compañeiros a dous corredores cos que xa compartiu equipo o ano pasado, os vascos Víctor Etxeberria e Iñigo González. Os outros oito reforzos desvelados polo Vigo-Rías Baixas ata o momento son Brais Gómez, Manuel Sampedro, Noel Martín, Mauricio Moreira, Edwin Torres, Jon Tena, Asier González e Guillermo Mallo. A dirección da escuadra con sede en Vigo ten previsto anunciar tres incorporacións máis antes celebrar a súa presentación oficial, unha gala á que están convidados todos os amantes do ciclismo e simpatizantes do club.