Centos de persoas saen á rúa en Baiona para recibir aos Reis Magos

As principais rúas de Baiona enchéronse un ano máis de centos de veciños e visitantes de todas as idades para recibir ás súas Maxestades de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar partiron desde a rotonda da Urbanización Ponte Romano de Sabarís para continuar por Julián Valverde, Praza de Victoria Cadaval, onde fixeron unha pequena parada, Porta do Sol e a Avda. Urbana ata a Praia de Santa Marta, onde se uniu a Comitiva Real.

A Rondalla Helios de Bembrive, con 80 compoñentes, foi a encargada de encabezar o desfile polas principais rúas da vila, xunto coas patinadoras do Club de Patinaxe Baiona, as carrozas do Club de Fútbol Sala Baíña, do Erizana Fútbol Club de Baiona e do grupo de baile Giro’s de Baíña, con 100, 20 e 50 compoñentes respectivamente, e o grupo Ardelume con 20 membros.

Tampouco faltou a animación infantil, co Mini Bus de Aceba con Elsa e Olaf e o grupo portugués Spirit, que abriu a Comitiva Real cun séquito de figuras acrobáticas, dúas bicicletas xigantes, unha roda circense, tres malabaristas con mazas e pelotas, dous zancudos animados e dous osos xigantes cos seus domadores, personaxes todos característicos do mundo do circo a xogo coa temática das carrozas que encheron de fantasía e ilusión aos máis pequenos da casa.

A Comitiva Real encheu de cor e música os máis de dous quilómetros de percorrido, pasando pola Avda. Monterreal, Alférez Barreiro e Paseo Elduayen ata o Hotel Pinzón, repartindo uns 2.000 quilos de caramelos aptos para celíacos. Despois, Melchor, Gaspar e Baltasar continuaron a pé ata a Praza do Concello, onde despois da entrega por parte do alcalde, Carlos Gómez, da chave mestra coa que poderán acceder esta noite a todas as vivendas da vila, recibiron a todos os nenos e nenas que quixeron entregarlle a carta e falar persoalmente con eles.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.