O PP de Baiona lamenta que o tripartito do PSdeG, BNG e Nós non teñan un “programa concreto” para o municipio e só sexan un “problema” para os veciños do municipio, pero aínda máis grave é o “desmantelamento dos servizos públicos” que están a levar a cabo desde que se uniron en “matrimonio de conveniencia” o pasado mes de xuño. Para o equipo popular, os anuncios do trigoberno non son máis que “fume” e lémbralle que levan seis meses “vivindo” dos proxectos herdados por este partido por valor de case dous millóns de euros en obras e mellora dos servizos públicos. Desde xuño ata a actualidade leváronse a cabo investimentos por 1,5 millóns de euros e para este ano 2020 están previstos máis traballos que roldan os 460.000 euros. En total, case dous millóns de euros que o PP xestionou e conseguiu para beneficio do pobo de Baiona.
Entre os proxectos tramitados polo goberno popular de Ángel Rodal e o seu equipo de concelleiros e executados nos últimos meses do pasado ano están o acceso á contorna da igrexa de Belesar, orzado en 169.000 euros, a instalación do sistema de megafonía do pavillón, a dotación de maquinaria deportiva no ximnasio ou o primeiro vehículo eléctrico para a Policía Local. A estas súmanse as obras que actualmente están en fase de execución como a reforma do mercado de Sabarís por 630.000 euros, a segunda fase do paseo fluvial de Baredo por 167.319€ e a mellora da mobilidade na Avda. de Sabarís cun custo de 341.319 €. Para 2020 os populares deixaron proxectadas e consignadas iniciativas tan importantes e beneficiosas para os veciños de Baiona como a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres para destinalas a aluguer social. Aos 135.000 euros deste plan de restauración súmase o acondicionamento do Camiño de Eidos por 129.000 €, melloras en accesibilidade por valor de 100.000 € no edificio do Concello e en areais, os máis de 60.000€ en melloras na iluminación pública nas parroquias ou a creación dun espazo canino por 30.247€. O que demostra, en opinión do PP de Baiona, o “traballo” e o “compromiso” que os populares tiveron co municipio “ata o último día” en contraposición cun tripartito que sumiu ao Concello nunha “parálise continua”.
Contas saneadas e débeda cero
Ademais da ampla carteira de obras e servizos proxectados polo PP para o segundo semestre de 2019 e para o inicio de 2020, o anterior goberno popular tamén conseguiu sanear a economía do Concello. Non só logrou “débeda cero” senón que acumulou un remanente de 4,5 millóns de euros. “Que o Sr. Carlos Gómez e os seus socios deixen de mentir aos veciños para xustificar a súa inacción e a súa ineficacia desde que se uniron en xuño, o Concello de Baiona ten unhas contas moi saneadas”, reprochan desde a agrupación municipal do PP en alusión a unha das frases máis pronunciadas polo rexedor socialista “Non hai diñeiro”. Así, engaden desde o PP, “tenta tapar o letargo no que sumiu a Baiona”.
“En só seis meses, o tripartito con Gómez á cabeza acabou co servizo nocturno da Policía Local co que iso supón para a seguridade dos cidadáns e a imaxe do pobo, renunciou ás bandeiras azuis das praias manchando o prestixio que en materia turística tanto custou conseguir durante décadas, eliminou os servizos mínimos de limpeza viaria en datas tan destacadas como o 25 de decembro (Nadal) e o día de Ano Novo, bloqueado o ambicioso proxecto desestacionalizador Baiona Campus Residencial Universitario, reducido notablemente os horarios para visitar a Casa da Navegación, os xardíns e parques están descoidados, o mobiliario público está roto e, ademais, non aplicar as dúas horas gratuítas no do aparcadoiro do Aral a pesar de ter sobre a mesa un estudo de viabilidade que así o avala en beneficio dos usuarios. É evidente que este trigoberno é un problema para Baiona. Levan seis meses sen preocuparse dos seus veciños e menos aínda ocuparse. Xa desmantelaron parte dos servizos públicos máis básicos para os veciños e diso só hai tres culpables, o PSdeG, BNG e Nós”, conclúen desde o PP baionés.

