13 Rondallas participarán no Certame de Gondomar

O Concello de Gondomar acolle un ano máis, e xa van 38, a organización e celebración do Certame de Rondallas de Reis, que se celebrará o vindeiro luns día 6 de xaneiro durante toda a xornada no municipio. É unha das citas máis lonxevas e multitudinarias da provincia de Pontevedra que case ningunha das agrupacións provinciais queren perderse, e á que acoden ano tras ano, xerando unha gran expectación entre o público asistente.

Un total de 13 rondallas encherán de cor e ritmos marciais as rúas da localidade, en concreto o percorrido tradicional polo que desde as 10:30 horas da mañá e ata as 18:30 horas, realizarán a súa exhibición. Todas elas baixarán pola rúa Eduardo Iglesias desde onde accederán á Praza da Paradela para interpretar nela o seu repertorio. Unha vez finalizado abandonarán a praza para continuar a súa marcha descendente por Eduardo Iglesias.

Sen dúbida, como nos últimos 37 anos, o momento cume é o da substitución entre rondallas que se asina co cruzamento de bandeiras entre agrupacións que, como marca a tradición, terá lugar na intersección entre as rúas Elduayen e Eduardo Iglesias.

Os participantes nesta ocasión serán a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas (O Porriño); Santa Eulalia de Atios (Porriño); Rondalla Asociación Cultural Santiaguiño de Guizán (Mos); Rondalla de Santa Eulalia de Mos; Rondalla C.C. A Merced de Chaín (Gondomar); Rondalla de Santiago de Parada; Rondalla Centro Cultural Helios Bembrive; Rondalla da Asociación Cultural Peña Freixo (Vigo); Rondalla do Centro Cultural de Beade (Vigo); Rondalla Mosteiro-Pexegueiro; Asociación Cultural Recreativa de San Mamede de Zamáns (Vigo).

Cada agrupación participante terá un tempo para interpretar as súas pezas e convencer e gañarse ao público que cada ano achégase entregado ata a contorna do concello para gozar deste espectáculo que se desenvolverá entre as 10:30 e as 13:30 horas, en horario de mañá, e entre as 16:30 e 18:30, pola tarde.

Anuncios