Nigrán ofrece o xoves o conto musical “Pedro e o lobo” a cargo de Camerata Arven

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de Nadal, ofrece este xoves 2 de xaneiro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal o conto musical “Pedro e o Lobo” a cargo da Camerata Arven e seguindo a tradición de dar comezo ao ano novo cun concerto de música clásica para todos os públicos.

Camerata Arven é unha recente formación de músicos profesionais con experiencia no mundo da interpretación e a docencia, úneos a paixón pola Música de Cámara e la ilusión por achegala a todos os públicos posibles, a través dunha programación variada e orixinal coa esperanza de fomentar o interese cara ao extenso mundo da Música de Cámara, programando obras para solistas con acompañamento, cuarteto de corda, quinteto de vento como en esta ocasión… e, por suposto as grandes obras da historia da música orixinais para a formación.

Os compoñentes da Camerata Arven son músicos que aportan á agrupación frescura no enfoque da interpretación, combinado coa tradición de quen ten traballado cos mellores profesores e directores e todos eles son membros da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Son Iago Lariño Rodal (Profesor en CMUS de Vigo, Flauta), José Ignacio García González (Solista na Banda da ENM de Marín, Oboe), Lorena Rodríguez Gómez (Profesora na ESMU de Boiro, Clarinete), David Arroyos Juan (Profesor en CMUS de Vigo, Fagot) e María del Pilar Simeó Gijón (Profesora en CMUS de Vigo, Trompa).

Anuncios