Deporte, música e solidariedade na San Silvestre de Nigrán

O Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor celebraron este sábado por quinto ano consecutivo a carreira San Silvestre Solidaria para despedir 2019. A proba deportiva, non competitiva, constou de 6 km e trasladouse esta vez á Ramallosa como punto neural, con saída desde a Alameda para ir a Panxón e volver.

Os participantes tiveron que achegar 1 kg de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Municipal a cargo dos Servizos Sociais do Concello, que os distribuirán entre as persoas máis desfavorecidas. A proba rematou na propia Alameda cunha chocolatada e o concerto de Argonat Band (grupo de R&R e Pop configurado por oito acordeóns, violín, gaita, baixo eléctrico e batería que fan versión dos grandes clásicos baixo a dirección de Juan Bande).

“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que a mellor maneira de despedir o ano é precisamente facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos para que sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés con centos de participantes edición a edición.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.