
O Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona organizan este sábado día 28 de decembro “As Doce Prebadaladas de Pinzón”, tras o éxito da primeira edición, celebrada o pasado ano na Rúa do Reloxo.
Nesta ocasión, a festa trasládase á Praza do Concello, comezando cun concerto de Broken Peach desde as 19:30 ata as 21:00 horas. Composto por catro voces femininas e batería, baixo e guitarra/piano, podería dicirse que é un espectáculo musical para todos os públicos: nenos de hoxe en día e todos aqueles que levan un neno no seu interior. O seu formato do Nadal “Broken Christmas” componse a base de panxoliñas americanas (Jingle Bells Rock, Santa Claus is Coming to Town…) e unha selección de temas dentro do Gospel e do Soul, aderezados coa súa particular visión da música.
Desde as 22:30 ata as 00:00 horas, Troula Animación ofrecerá o seu pasarrúas “Funky- Party”, no que ao ritmo da música discotequera dos 80, un par de pernaslongas non pararán de bailar, incitando a todos os presentes a que se unan á festa.
Finalmente, ás 23:00 horas será a quenda de DJ Enter, que ás 00:00 dará paso ás prebadaladas, marcadas por un reloxo elaborado polos usuarios e usuarias do Centro Juan María de Parada. Tras unha tirada de fogos de lucería, a festa continuará ata a 1:00.