O Turonia GFG presenta o seu novo equipamento

O Turonia GFG é un club de fútbol gaélico galego, e este é un deporte amador. Ningún xogador, nin técnico, nin directivo cobra por dedicarse a isto. Mesmo na Irlanda, onde o fútbol gaélico é o deporte rei, e mobiliza grandes masas de xente, non se cuestiona o seu carácter amador. Alí a GAA (Gaelic Athletic Association) vela para que esta condición de deporte afeccionado se manteña.

“Desde o noso club pensamos que isto ten unha valiosa virtude: garantir que o tráfico de xogadores dun equipo para outro, en función da capacidade económica de cada club, non exista. A competición conserva así un carácter moito máis auténtico, o que fai que os xogadores sintan con sinceridade as súas cores. Do mesmo xeito, para as afeccións ir alentar ao equipo da casa convértese nunha verdadeira devoción, un sentimento compartido por familias enteiras, unha paixón transmitida de xeración en xeración; entendida como unha parte mais de amor pola Terra”, sinalan desde o Turonia GFG.

Non é moito, mais, o Turonia GFG leva case dous anos a competir na Liga Galega de Fútbol Gaélico. “É así que chegados a este punto temos que dicir, poñendo xa os pés na terra, que competir nunha liga federada implica tamén afrontar certos gastos. Algúns son en parte sufragados por cada un dos xogadores e xogadoras; eles, son por así dicilo, os primeiros patrocinadores do club. Con todo, isto non abonda, son moitos os gastos que se derivan da competición: fichas, seguros, equipamentos, arbitraxes, desprazamentos… É por todo isto que necesitamos e temos a sorte de contar coa axuda inestimable da administración e do comercio local. Sen as xogadores e xogadoras o club sería imposible, sen os nosos patrocinadores este proxecto sería inviable”, destacan.

Velaí que esta unión de forzas permitiu que o Turonia GFG tamén puidese estrear novo equipamento esta tempada. “Levarémola con orgullo por Galicia adiante co nome de Gondomar e do Val Miñor, xunto coa publicidade das institucións e principais empresas colaboradoras que decidiron apoiar de xeito altruísta ao fútbol gaélico gondomarense, miñorán e, a fin de contas, galego. Desde o Turonia GFG non podemos máis que agradecer con profunda sinceridade todo este apoio, que nos enche de enerxía e nos axuda para desenvolver este proxecto con máis posibilidades e confianza”.

1. Concello de Gondomar. Concellería de Deportes.
2. Centro Cultural Deportivo Chaín. Gondomar.
3. Deputación de Pontevedra.
4. Talleres Serviancar. Gondomar.
5. Bambú Herboristería. Gondomar.
6. Artio Atlantic Isotonic. Vilagarcía de Arousa.
7. Acolá. Froitos do Monte. Couso, Gondomar.
8. Rañolas. Arte, Café e Cervexas. Gondomar
9. As Novas Torres. Tapería Café. Gondomar.
10. La Vitrola Restaurante. Gondomar.
11. Roymara Cerámicas. Estudio de Cociña e Baño. Gondomar.
12. Muiños+Carballo Arquitectos. Gondomar.
13. Jose Manuel Costas. Axente de Seguros Allianz. Gondomar.
14. Carpintería Vidoga. Gondomar.
15. Ollomol Audiovisual. Gondomar.
16. Agua Sana. Agua Mineral Natural. Baiona.
17. Fisioterapia Val Miñor. Baiona.
18. Urzáiz Centro Fisioterapia. Vigo.
19. Farmacia Abizanda. Gondomar.
20. Libraría Plaza. Gondomar.
21. Libraría Libraida. Gondomar.
22. A Casa da Henriqueta Restaurante. Porto. Oia.
23. Bocatería Lalo’s. Panxón. Nigrán.

Toda a Directiva, xogadores e socios do Turonia GFG agradecen este apoio e agardan que esta relación se manteña por moito tempo. “Este é un proxecto deportivo, novo, plural e aberto para todos cantos queiran sumarse e botar unha man”, conclúen desde o club.