Asier González, o agasallo de Nadal para o Vigo-Rías Baixas

O Vigo-Rías Baixas amplía o seu persoal por Nadal. A entidade presidida por José Luis Chamorro incorpora ás súas filas ao burgalés Asier González, subcampión sub-23 de Castela e León nos dous últimos anos. A novena fichaxe do conxunto flúor procede da formación Ciclismo Riojano.

A próxima tempada será a terceira de Asier González, de 20 anos, como sub-23. Formado nas filas do Bathco, en 2018 estreouse no pelotón amateur lucindo as cores do Deputación de León. Pola súa idade e pola súa traxectoria, a dirección do Vigo-Rías Baixas considérao un dos valores emerxentes da categoría.

“Son un corredor competitivo, con ganas de aprender e seguir mellorando”, afirma o ciclista de Burgos. Entre os motivos que lle levaron a aceptar a proposta da estrutura flúor sinala que “é un equipo que dá moitas oportunidades porque o seu calendario é moi amplo” e engade que “ten un staff con moitos coñecementos de ciclismo e poden sacar o mellor dun mesmo”.

Nesta nova etapa Asier González terá a posibilidade de disputar as carreiras puntuables para a Copa de España. A organización do certame máis prestixioso do campo Elite e Sub-23 estatal vén de confirmar, por quinto ano consecutivo, ao Vigo-Rías Baixas como un dos vinte equipos oficiais da competición. Un status que o proxecto olívico gañouse sobre o asfalto a pasada primavera ao lograr a quinta praza na xeral final por escuadras, o seu mellor resultado histórico.

Con nove reforzos anunciados para a próxima campaña, entre eles os dos ex profesionais Mauricio Moreira, Víctor Etxeberría, Edwin Torres e Noel Martín, os nomes das cinco altas que completarán o persoal dirixido por Marcos Serrano serán desvelados durante o mes de xaneiro.

Anuncios