O Concello de Gondomar proxectará este xoves 19 de decembro o documental “Before the Flood”, ás 18:00 horas na Sala Multiusos do Centro Neural.
Estreando o seu recente nomeamento como Mensaxeiro da ONU contra o cambio climático, Leonardo DiCaprio emprende unha desas viaxes que che cambian a vida. Visitará zonas remotas de Groenlandia, as cálidas selvas de Sumatra e os salóns do Vaticano, co obxectivo de analizar os efectos devastadores do cambio climático. Aproveitará a súa privilexiada situación para conversar con activistas, científicos e líderes mundiais como Barack Obama, Elon Musk e o Papa Francisco. Penetrándose nas causas da crise e analizando potenciais solucións, DiCaprio buscará a resposta a unha pregunta inquietante: pódese facer algo antes de que sexa tarde?
O documental será introducido por Miriam Campos Leirós, veciña do municipio e unha das integrantes da Asociación Teachers for Future. Miriam Campos Leirós expoñerá a súa experiencia no Cumio Mundial do Clima celebrado en Madrid recentemente, así como as diferentes accións e iniciativas postas en marcha por Teachers for Future centradas na concienciación e implicación das novas xeracións, en particular, e a sociedade en xeral, na loita contra o cambio climático e as súas consecuencias. A entrada será libre e gratuíta.

