O venezolano Edwin Torres busca relanzar a súa carreira no Vigo-Rías Baixas

Cuarto corredor con pasado no pelotón profesional que se une ao renovado proxecto do Vigo-Rías Baixas. O venezolano Edwin Torres lucirá na tempada 2020 as cores da estrutura impulsada por José Luis Chamorro. O ciclista nado en Táriba, de 22 anos, exhibiu as súas condicións de escalador desde que cruzou o charco en 2015 para competir en Europa.

O seu sobresaliente rendemento durante a súa primeira campaña no campo amateur abriulle as portas do profesionalismo no Kuwait-Cartucho en 2017. Nesa formación liderada polo mítico Davide Rebellin tivo a oportunidade de disputar carreiras do máximo nivel como como o Circuíto da Provence en Francia, o Circuíto de Marrocos ou a Volta a Asturias e a Castela e León.

A desaparición do equipo hispano-kuwaití en 2018 obrigou ao ciclista da provincia de Táchira a recualificarse sub-23. A pesar de que nos dous últimos anos non logrou a regularidade desexada, deixou mostras da súa calidade como o segundo posto asinado na etapa raíña da última edición da Volta a León.

Torres, que por idade poderá participar nas probas puntuables para a Copa de España, quere relanzar a súa carreira en 2020: “Só teño un obxectivo e está moi claro. Quero volver dar o salto e competir no pelotón profesional. Teño capacidade, ganas e ilusión para conseguilo”.

“O Vigo-Rías Baixas transmitiume confianza desde que se puxeron en contacto comigo. Ese apoio que me están dando quero aproveitalo ao cento por cento. É unha aposta que vai valer a pena”, sinala o venezolano.

Esta incorporación completa o póker de reforzos con experiencia a nivel profesional que terá á súa disposición Marcos Serrano no seu regreso ao conxunto flúor. Noel Martín, Mauricio Moreira e Víctor Etxeberria son os outros tres corredores que competiron ao máximo nivel, mentres que os sub-23 Brais Gómez, Jon Tena, Iñigo González e Manuel Sampedro elevan a oito o número de fichaxes. A directiva do club olívico ten atados a seis ciclistas máis que irá desvelando nas próximas semanas.

Anuncios