A VI edición de “Encesta un Alimento” reunirá en Panxón a máis de 700 xogadores de baloncesto

O torneo solidario “Encesta un Alimento”, que se desenvolverá no Pavillón Municipal de Panxón os días 21 e 22 de decembro, está organizado polo Club Baloncesto Nigrán en colaboración co Concello, a Federación Galega de Baloncesto, laCaixa e Frutas Nieves, que xa colaborou en anteriores edicións achegando froita para todos os nenos e nenas participantes. Trátase do torneo máis grande organizado ata o de agora por este club de baloncesto nigranense. Un total de 65 equipos e máis de 700 xogadores e xogadoras de baloncesto que encherán o Pavillón Municipal da localidade durante dous días.

Desde a categoría baby ata a categoría júnior, pasando polas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, desfilarán polo polideportivo municipal ao longo do sábado 21 e domingo 22 para disputar diferentes partidos e compartir unha xornada de deporte, convivencia e festa. Os partidos serán arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto que participan de maneira voluntaria e desinteresada, do mesmo xeito que fixeron en todas as edicións anteriores. Ademais dos encontros deportivos realizarase ao longo dos dous días sorteos de diferentes agasallos entre todos os asistentes.

Máis de 700 nenos e nenas que gozarán practicando o seu deporte favorito ao longo de dúas xornadas que terán ademais un importante carácter solidario, xa que cada un dos xogadores e xogadoras que participen achegarán un alimento non perecedoiro, do mesmo xeito que poderá facer o público asistente. Posteriormente, no acto de clausura do torneo, no que se entregará a cada xogador unha medalla por parte do alcalde e o concelleiro de Deportes de Nigrán, acreditando a súa participación no evento, farase entrega da totalidade dos alimentos recolleitos ao banco de alimentos co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas do municipio.

Anuncios