A Área Sanitaria de Vigo celebrou unha homenaxe ao persoal xubilado este ano

A Área Sanitaria de Vigo celebrou hoxe unha Homenaxe para todo o persoal dos centros de primaria e hospitalaria que este ano tense xubilado. En total, xubiláronse 168 traballadoras e traballadores de todas as categorías profesionais: 39 facultativos; 94 sanitarios non facultativo; e 35 non sanitarios.

Nesta homenaxe, presidida polo Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, entregóuselles unha serigrafía da obra “Na Area”, doada pola artista Puri del Palacio; así como o documento identificativo a Tarxeta Dourada, en mostra de agradecemento por todo o seu tempo de dedicación ao servizo público de saúde.

Obra de Puri del Palacio

Este ano tamén continuouse co proxecto de colaboración con artistas galegos. Estes realizan unha doazón dunha obra á Sanidade pública viguesa e autorizan a realización dunha tirada limitada de serigrafías, réplicas do orixinal, numeradas e asinadas polo autor, que constitúen o obsequio conmemorativo ao persoal xubilado. Puri del Palacio foi quen doou a obra “Na Area”, un óleo sobre lenzo.

Tarxeta dourada

A tarxeta dourada, iniciativa posta en marcha hai uns anos, é un documento identificativo que acredita a condición laboral como traballador xubilado da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo, e simboliza o respecto e recoñecemento debidos por parte da Institución. Esta tarxeta é ofertada a todo o persoal que anualmente se xubila.

Ademais, permite ao persoal en activo dos centros sanitarios públicos identificalo como xubilado do Servizo Galego de Saúde e polo tanto como un compañeiro máis. Ademais, este ano, por cortesía da Cafetaría Apetéceme o persoal xubilado poderá seguir desfrutando dos mesmos descontos que o resto do persoal en activo, tanto na cafetería como nas empresas da cidade coa que manteñen acordos.

Como peche desta Despedida, a Coral “Rosalía Castro” do Colexio de Médicos de Pontevedra ofreceu un recital no que interpretaron diversas cancións populares.

2019-12-16 - _DSC3156