Convocan unha concentración na Ramallosa: “Non emigramos, expúlsannos”

A Asociación Cultural Centáurea e a Organización Galega de Comunidades de Montes, entidades do Val Miñor integradas na plataforma social Vía Galega, convocan á veciñanza a unha concentración na alameda da Ramallosa o sábado 14 de decembro ás 12:00 do mediodía. “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”, é a campaña organizada por Vía Galega para concienciar á nosa sociedade, que se inicia coa convocatoria de concentracións este sábado en 50 cidades e vilas galegas.

Na última década 216.000 persoas con idades entre os 16 e 54 anos tiveron que marchar de Galicia para atopar traballo noutras terras, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. No caso dos menores de 30 anos, son 80.000 mozos e mozas que tiveron que deixar o país nese período, co que iso significa desde o punto de vista social, familiar e individual. Cómpre reclamar a acción dos poderes públicos para que recoñezan a emigración galega actual como unha emerxencia nacional e activen os mecanismos para remediar esta lacra.

Porque é o Parlamento quen ten posibilidade de facer do emprego de calidade un dos obxectivos básicos; estamos nun país con talento e potencialidades que cómpre poñer en valor, deseñando políticas que aseguren traballo digno na nosa terra, defensa da base produtiva e unha economía autocentrada que mobilice todos os recursos para xerar emprego e riqueza en Galicia.

Ao remate do acto lerase o manifesto de Vía Galega por representantes da A. C. Centáurea, da Organización Galega de Comunidades de Montes e da mocidade do Val Miñor.