Alumnos do CEIP Carlos Casares visitan o Concello de Nigrán e simulan un pleno co alcalde

Alumnos de cuarto de primaria do CEIP Carlos Casares (Vilariño) visitaron esta mañá as dependencias municipais da man do alcalde, Juan González, e da concelleira de Asuntos Sociais, Bibiana Peixoto. O propósito da actividade programada polas súas titoras foi coñecer de preto o funcionamento da política local, asunto que viñeron tratando na aula desde semanas atrás. Os 27 estudantes foron guiados polo rexedor por as diferentes oficinas da Casa Consistorial (dende o Arquivo á Policía Local ou Rexistro) para rematar no Salón de Plenos, onde simularon unha sesión na que expresaron a súa preocupación polo cambio climático e formularon diferentes propostas para combatilo a nivel local: aposta polos coches eléctricos con máis electroliñeiras, creación dunha horta municipal, máis puntos de reciclaxe e que inclúa orgánicos, xornadas de recollida de lixo nas praias… “Tomamos nota das vosas peticións e subliñamos que dende o Concello xa camiñamos nese sentido con iniciativas como a primeira electroliñeira pública e gratuíta de Galicia, xornadas de concienciación ambiental en ríos ou en praias…”, sinalou o rexedor.

Anuncios