Sin categoría

Plantan arandos, framboesas, grosellas e amoras no monte queimado de Chandebrito

Técnicos agrícolas completaron esta mañá a plantación de froitos vermellos nunha parcela en desuso do monte comunal de Chandebrito. O Concello de Nigrán, grazas a un convenio entre Deputación de Pontevedra e a Asociación Forestal Galega (ASEFOGA), promove coa Comunidade de Montes esta finca piloto en 500 metros cadrados de superficie no coñecido como “Chans do Castro” (moi próximo ao castro). Este proxecto experimental nace co obxectivo de recuperar terras en desuso ou abandonadas servindo de guía e incentivo para a produción de arandos, framboesas, grosellas e amoras entre veciños e demais comunidades de montes (neste caso trátase de solo completamente calcinado nos incendios de 2017, que afectaron ao 99% da parroquia). Este cultivo, que non precisa de gran superficie e resulta moi rendible economicamente, resulta idóneo para pequenos terreos infrautilizados en Galicia, contribuíndo así non só a xerar emprego, se non a evitar os lumes (producidos en gran medida polo abandono do medio rural). A vindeira semana os mesmos técnicos realizarán unha xornada informativa na parroquia onde abordarán todos os aspectos relacionados con este tipo de plantación.

Tras preparar o terreo e efectuar a plantación, responsables da comunidade de montes realizarán labores de mantemento e coidado para que empece a dar os primeiros beneficios económicos ao cabo de tres anos (estímase que a partires do sétimo ano a produción chega ao seu máximo cun rendemento de 11.000/20.000 kg/ha). O obxectivo mínimo asumido é mantela e explotala a lo menos dez anos, estando os primeiros tres anos totalmente asesorados por técnicos de ASEFOGA (período que se considera o máis delicado para que acade o seu completo desenvolvemento). Ademais, a Comunidade de Montes de Chandebrito se compromete a facilitar visitas a grupos ou persoas interesadas en coñecer o proceso para a produción de froitos vermellos.

“O PH ácido do solo de Galicia, a humidade e o clima atemperado fai que esta terra resulte especialmente idónea para cultivar os froitos do bosque, estes contan cada vez con maior demanda por parte do consumidor e teñen un rendemento económico moi superior ao resto de froita, xa que se están a vender en fresco a unha media de 7/15 euros quilogramo, sendo o arando o mellor pagado”, explica Diego Barral, técnico de ASEFOGA que traballa neste proxecto. Así, segundo os últimos datos, en España a facturación de “berries” aumentou un 300% nos últimos cinco anos debido a súa crecente popularidade entre os consumidores polas súas calidades dietéticas, gustativas e terapéuticas (consúmense fundamentalmente como produto fresco pero tamén en marmeladas, deshidratados ou conxelados).

A Deputación destinou 36.000 euros a promover o cultivo sustentable, mellorar o coñecemento dos froitos do bosque (amoras, arandos ou framboesas) e facer fincapé na importancia ambiental da recuperación das parcelas agrícolas e forestais en desuso.