O Partido Popular de Nigrán cualifica como moi probable que, debido ao atraso da obra de construción da nova Biblioteca, non se termine o 30 de maio do 2020, prazo máximo de execución da mesma, e por iso perderíase parte da subvención da Deputación de Pontevedra.
En agosto de 2018, a empresa “Civis Global” resultou adxudicataria da obra, á que renunciou por discrepancias coa Dirección, só levando a cabo o 30% do proxecto.
Ante esta situación e cun 70% de Biblioteca por terminar, asumindo que se cumprirán os trámites legais preceptivos, primeiro rescisión de contrato a Civis Global, e segundo, nova licitación para sacar a obra a concurso, realizando unha selección e nova contratación, comezaríanse as obras, novamente, en marzo de 2020. O resultado: imposibilidade de terminar a Biblioteca en maio e, polo tanto, segundo os populares, imposibilidade de recibir a totalidade da subvención da Deputación.
Ante esta grave situación, Carlos Abal esixiu ao alcalde unha clara e seria resposta, con todo, os seus únicos argumentos foron: “pois, teremos que espabilarnos e facela antes de que remate o prazo”, acompañando un amplo sorriso.
“Desde o Partido Popular descoñecemos onde atopa a graza o Sr. González, ante un grave prexuízo económico para o Concello. Estas son as contas: se se completase ao 100% o concello achegaría 369.905.05€; se, no mellor dos casos, completásese ao 65%, o concello tería que achegar a barbaridade de 887.772,20€, ou sexa 517.817,15€ máis (2,4 veces máis)”, explica Abal.
“Estas son as contas exactas, e non os seus “contos”, e supoñen un quebranto económico excepcional, e que necesariamente tería que ir en detrimento de outras partidas orzamentarias. Ao noso xuízo, o Sr. Alcalde debería presentar unha solución real e certa a este problema e se non é así, debería renunciar ao seu cargo por respecto aos veciños, os cales lle confiaron a xestión do diñeiro público (o de todos os veciños) e non demostraría ser digno desa confianza”.
“Estaremos atentos a ver que di o Sr. Alcalde respecto diso, non sabemos a quen lle botará a culpa esta vez, á Xunta?, neste caso non pode… á empresa? case seguro, aquí soamente hai un responsable máximo, e ese é o Sr. Alcalde. Cando xorden problemas hai que estar aí tratando de resolvelos desde o minuto un, e non pospoñéndoo todo e deixándollo “aos técnicos”, non señor, un verdadeiro Alcalde debe priorizar, deixando “as poses” para despois”.
“Sr. González, o seu non é a xestión, é o caos, e o máis tremendo é que a vostede non lle custará nada, custaranos aos contribuíntes de Nigrán, vítimas da súa nula xestión”, conclúen desde o PP.

