Mañufe acolle a presentación dun proxecto documental sobre a emigración na historia de Gondomar

O próximo mércores 11 de decembro, a partir das 19:00 horas, o Centro Cultural de Mañufe acollerá a presentación da páxina web www.gondomarnaemigracion.wordpress.com, primeiro paso dentro da elaboración dun documental sobre o peso da emigración na historia de Gondomar, que se está a rodar coa colaboración do Concello.

Xunto ao alcalde, Paco Ferreira, na presentación estarán Xan Leira, director e produtor do documental; o presidente do Círculo Val Miñor en Bos Aires, Alberto Lloret; e Lino Hermida, emigrado de Gondomar que durante 15 anos presidiu a Unión Hijos de Morgadanes no Río da Plata.

Durante a presentación se proxectarán algunhas das testemuñas recollidas ata o momento polo director do documental “Gondomar, na emigración ao Río da Plata”, e darase conta do obxectivo desta iniciativa que espera ver a luz no primeiro trimestre do próximo ano.