Gondomar clausura o curso de operador de loxística e produción con sete alumnos xa traballando

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, clausurou hoxe o curso de operador de loxística e produción que se desenvolveu en Gondomar desde o pasado mes de setembro, e no que participaron un total de 21 desempregados/as da localidade. Promovido pola Concellería de Emprego, “péchase con datos moi satisfactorios, ao confirmarse que sete dos participantes na formación, un terzo deles, están xa traballando nalgunha das empresas onde fixeron prácticas”.

Así o destacou Paco Ferreira quen animou aos presentes para seguir participando neste tipo de iniciativas coas que “desde o goberno queremos facilitarvos todas as ferramentas necesarias para facilitar o voso acceso ao mercado laboral”, incidindo na importancia dunha correcta formación en materias específicas para “responder á demanda concreta e puntual que poidan realizar desde as industrias”.

Cunha duración de 175 horas de formación, máis prácticas laborais nalgunha das dez empresas que colaboraron nesta ocasión, os participantes obtiveron coñecementos sobre os procesos industriais, de loxística e almacén, prevención de riscos laborais e, a formación no manexo de carretillas elevadoras, obtendo moitos deles/as tamén o carné necesario para o seu uso.

Anuncios