O equipo Baby crece no CB Nigrán

O equipo Baby do CB Nigrán que conta esta tempada con nada menos que 13 xogadores e xogadoras acudiu a pasada fin de semana a Navia, onde tivo lugar a I Concentración Baby desta tempada organizada pola Federación Galega de Baloncesto en colaboración cos diferentes clubs que participan nesta competición.

Trátase dun convenio entre a Federación Galega e os clubs cuxo principal obxectivo é fomentar a práctica do baloncesto entre os máis novos. En cada convocatoria a concentración realízase en dúas sedes diferentes nas que se habilitan diferentes pistas de xogo para que todos os equipos con xogadores e xogadoras en categoría baby (5 a 7 anos) poidan disputar diferentes partidos.

Nesta ocasión a cita foi en Navia e organizada polo Celta, onde un total de 12 equipos pertencentes aos clubs Celta, Salesianos, Miraba, Amor de Dios, Carmelitas, Acacias, Montecastelo e CB Nigrán rotaron polas 4 pistas de xogo habilitadas para a ocasión. Máis de 100 xogadores e xogadoras que gozaron dunha xornada lúdico deportiva onde o menos importante é o resultado, por iso xógase sen tenteo.

Excelente ambiente a pé de pista e na bancada, coas familias aplaudindo cada acción que ocorría no xogo e cada canastra. Unha mañá que cumpriu coas expectativas do deporte en xeral e do baloncesto concretamente a estas idades: convivencia, compañeirismo, respecto, igualdade, e moita paixón polo baloncesto.