O Belén artesanal en movemento de Gondomar cobra vida un ano máis

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, inaugurou este xoves o Belén artesanal en movemento do Concello, un nacemento que ocupa 42 metros do Auditorio Municipal Lois Tobío e que “se converteu nun elemento imprescindible no noso programa de Nadal, atraendo a centos de persoas cada ano”, manifestou o rexedor, quen agradeceu o labor que realiza Fernando Fernández Penedo, veciño de Borreiros e artesán creador desta instalación.

Ata o próximo día 6 de xaneiro poderase visitar este nacemento que na súa cuarta edición recolle escenas de Roma, Belén e Nazaret nas que xunto ás edificacións e establecementos propios da época, lucirán un total de 420 figuras, das que máis de 100 estarán en movemento. O seu responsable empregou 8 días na súa montaxe, cunha media de 12 horas diarias, para lograr que todos os detalles estean perfectamente encaixados.

De luns a domingo, en horario de mañá e tarde, visitantes e veciños poderán visitar este Belén que fai catro anos, tras unha petición do alcalde Paco Ferreira, trasladouse ao Auditorio Municipal “porque entendiamos que é algo do que podemos e debemos presumir no noso Concello e que debía integrarse no noso programa de actividades de Nadal, como propio, que nos identifica”.

A inauguración do Belén estivo precedida dun concerto por parte do Coro e a Orquestra do Conservatorio Elemental de Música cun programa de pezas especialmente elixidas para a ocasión, cuxo fío condutor foi un conto de Nadal o que lembraron a maxia e fantasía que se poden esconder detrás destas datas nas que, como di o lema do Nadal de Gondomar, “cada un escribe o seu Nadal”.

O Belén artesanal poderá visitarse ata o 6 de xaneiro de 11:00 a 14:15 horas, polas mañás, e entre as 17:00 e as 21:15 horas, polas tardes, de luns a domingo. Só permanecerá pechado os días 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro en horario de mañá. A entrada é gratuíta.

Anuncios