O Cereixa medirase co Santiago Futsal en cuartos de final da Copa Galicia

O Coperfi Cereixa Gondomar FS xa ten cita para medirse ao equipo máis laureado de toda a comunidade, o Santiago Futsal, nunha instancia inesperada pero real os cuartos de final da Copa Galicia. O próximo 4 de xaneiro de 2020 será un día grande para todo o fútbol sala miñorano e en especial para toda a familia de Vincios, que nin no mellor dos soños pensou algún día medirse de ti a ti con este xigante da comunidade.

“A ninguén se lle escapa que facemos verdadeiros números para afrontar os gastos que require a competición (fichas, árbitros, desprazamentos, etc) e por iso este encontro pode tamén servir de axuda para suavizar a tesourería. Con todo, decidimos non cobrar ningún tipo de entrada porque queremos que todo o mundo teña a posibilidade de sumarse ao evento e participar en primeira persoa desde a bancada igual que faremos nós desde a pista”, sinalan desde o Cereixa.

Durante a xornada si que aproveitarán para sortear algúns obsequios como unha camiseta facilitada polos seus rivais en toda unha demostración de xogo limpo e empatía deportiva. “Moitas pequenas axudas acaban sendo un respaldo importante”. Tamén se pode adquirir unha bufanda conmemorativa edición limitada por 10 euros, reservándoa no teléfono 609 282 753. “O 4 de xaneiro ás 17:00 horas o pavillón ten que ser unha festa da cal esperamos gozar e por suposto competir”, conclúen desde o equipo gondomareño.