O baionés Brais Cedeira, Premio Boehringer Ingelheim ao Xornalismo en Medicina

Brais Cedeira é un dos cinco gañadores da 32ª edición do Premio Boehringer Ingelheim ao Xornalismo en Medicina. O baionés foi recoñecido na Categoría Novos Talentos polo seu artigo “Cabana, o pobo da Costa da Morte condenado a vivir cunha enfermidade dexenerativa da Idade Media”, publicado en El Español. Nacido en Baiona en 1993, está graduado en Historia e Xornalismo pola Universidade de Navarra (2016). Foi durante o seu último verán na Universidade cando se incorporou como bolseiro á redacción de El Español na sección de Nacional. Posteriormente pasou a formar parte do equipo de reporteiros deste diario.

Cada premiado recibirá 6.000 euros (excepto a categoría especial, que carece de dotación económica) e un trofeo, que unha impresora 3D creou por primeira vez en directo durante a gala final, que se celebrou no Palacio Neptuno de Madrid. O éxito na participación da presente edición, máis de 400 traballos, evidenciou o interese que segue suscitando este galardón, un dos máis prestixiosos do sector sanitario, entre os xornalistas e medios de comunicación.

A 32ª edición do Premio Boehringer Ingelheim ao Xornalismo en Medicina recoñece, unha vez máis, o labor de xornalistas e de medios de comunicación na divulgación dos avances que se producen no coidado da saúde humana e animal. Desde 1985, máis de 2.200 xornalistas españois participaron nas diferentes categorías, mentres que máis de 60 profesionais foron premiados.

Anuncios