Alumnos do IES Escolas Proval, gañadores no concurso galego de robótica

Cinco alumnos de 1º do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES Escolas Proval de Nigrán conseguiron o 1º premio no “X Obradoiro e Concurso Galego de Robótica. A Maxia da Robótica”, na categoría de Bacharelato-FP.

Esta actividade -promovida por Igaciencia e desenvolvida en colaboración co Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña- celebrouse ao longo desta semana no IES Ramón Menéndez Pidal e nel participaron máis de 1200 alumnos e alumnas dunha trintena de centros de toda Galicia.

O obxectivo deste obradoiro de programación e robótica é conseguir que o alumnado participante adquira os conceptos computacionais básicos para comunicarse e saber como darlle ordes a un robot, e xestionar múltiples aspectos da vida cotiá, cunha aprendizaxe colaborativa que combina creatividade con pensamento algorítmico.

Os premios aos gañadores entregáronse este venres 29 de novembro ás 17:00 horas no salón de actos deste centro coruñés. O equipo gañador está formado por Gabriel, Aarón, Ismael, Pedro Hermida e Pedro Rodríguez. Os seus profesores, Ricardo Santos e José Carlos García.

Anuncios