O PP denuncia o grave problema de aparcamento en Nigrán “pola nula previsión do alcalde”

O Partido Popular de Nigrán cualifica como grave irresponsabilidade e tomadura de pelo aos veciños o que a estas alturas aínda non exista unha alternativa ao aparcamento que recentemente se pechou no centro do municipio polo comezo inminente das obras dunha urbanización na parcela.

“No ano 2013, a corporación do PP gobernante naquel momento, negociou a cesión temporal e gratuíta do solar sito na rúa Vilameán, mentres non se procedese ao desenvolvemento urbanístico da mesma. En setembro do 2018 presentouse o proxecto de urbanización da zona polo que desde ese momento o alcalde era coñecedor de que tería que buscar unha alternativa”, sinalan os populares.

“Pois ben, a día de hoxe os veciños de Nigrán non teñen o problema resolvido, e se como indica o Sr. González, “queremos facer as cousas ben”, en canto á licitación dun aluguer, non o veremos ata ben entrado o ano 2020. O caso é que, para poder dicir, “queremos facer as cousas ben”, de verdade, tería que poñerse a traballar na solución desde o día que se solicitou a licenza, e que fixo?… pois, por agora, nada”, continúan desde o PP.

Para os populares é unha falta de previsión que non ten xustificación posible, “xa que tivo tempo dabondo para poder ofrecer unha nova zona, mesmo antes de que se pechase a actual, o cal demostra a grave falta de consideración cos veciños de Nigrán, e está a provocar un gran malestar entre veciños, comerciantes e visitantes da zona, algo que, insistimos, xa tería que estar resolvido”.

Segundo o PP, tamén é lamentable que o alcalde do PSOE recoñeza que non conseguiu negociar unha cesión gratuíta como o fixo a corporación anterior, o que supoñerá un gasto adicional ás arcas municipais, “á vista está de que o seu non é a negociación”.

“Temos un alcalde que ten a procrastinación por bandeira, encántalle “durmirse nos loureiros”, e tráelle sen coidado o gasto do diñeiro público (o que achegamos todos), deixando completamente de lado a que debería ser verdadeira razón do seu posto, ofrecer a mellor xestión dos recursos para o benestar de todos os veciños de Nigrán. Como indicamos en cada pleno, se este equipo de goberno estivese nunha empresa, xa estarían todos no paro”, conclúen os populares.