O alumnado do Curso de Deseño e Impresión en 3D de Baiona recibe os seus diplomas

A Concellería de Xuventude do Concello de Baiona, dirixida por Yasmina Moreira, fixo entrega hoxe, xunto co Alcalde, Carlos Gómez, dos diplomas acreditativos da formación recibida ao alumnado do Curso de Deseño e Impresión en 3D.

O curso tivo lugar nos meses de setembro e outubro no Centro Multiusos Ángel Bedriñana de Baiona, e nel participaron un total de 15 mozos e mozas de entre 16 a 30 anos.

Esta acción formativa enmarcouse dentro do proxecto de iniciativas locais destinadas á xuventude, subvencionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e a mocidade participante, ademais da formación de 80 horas en deseño e impresión en 3D, realizou un módulo de emprendemento xuvenil, un módulo de procura de emprego a través do teléfono móbil e 40 horas de prácticas non laborais en empresas do sector.

Unha impresora 3D é unha máquina capaz de realizar réplicas de deseños en 3 dimensións, creando pezas ou maquetas volumétricas a partir dun deseño feito por ordenador. O seu uso xa está estendido en sectores como a arquitectura, a industria, ou a automoción, e na actualidade, se está implementando en sectores como a alimentación ou en próteses médicas, polo que esta formación está a ser moi demandada polo tecido empresarial.