José Luis Álvarez seguirá á fronte do Monte Real Club de Yates de Baiona

O vigués José Luis Álvarez seguirá á fronte do Monte Real Club de Yates de Baiona durante catro anos máis tras ser reelixido presidente do histórico club baionés.

A de Álvarez, que ocupa a presidencia do Monte Real desde novembro de 2015, foi a única candidatura presentada no último proceso electoral aberto no club, que culminará mañá venres coa celebración dunha asemblea de socios ás 5 da tarde. Será unha reunión na que o equipo directivo, proclamado xa oficialmente, expoñerá o seu proxecto de futuro e someterase á quenda de rogos e preguntas que lle poidan expor os socios.

A nova xunta que dirixirá o Monte Real durante os próximos catro anos baséase na continuidade, aínda que incorpora algúns cambios en certos cargos e un par de caras novas. A man dereita de José Luis Álvarez seguirá sendo Alejandro Retolaza, que se mantén no cargo de vicepresidente.

O posto de comodoro, que viña ostentando Fernando Yáñez, pasa a mans de Ignacio Sánchez Otaegui; e no cargo de vicecomodoro aparece a primeira das novas incorporacións á nova xunta, o emprendedor e empresario Francisco Pino, que substitúe a Genoveva Pereiro. A cargo da secretaría mantense César Fernández- Casqueiro e a tesourería é responsabilidade agora do ex comodoro Fernando Yáñez.

Na xunta directiva do Monte Real hai, ademais, tres vocais: Miguel Font, de instalacións e proxectos; Genoveva Pereiro, de relacións exteriores; e Margarita Cameselle, de eventos deportivos. A recoñecida regatista viguesa é a segunda nova incorporación, xunto con Francisco Pino, ao equipo directivo do Monte Real.

XUNTA DIRECTIVA • MONTE REAL CLUB DE IATES

• A Súa Maxestade o Rei Don Felipe VI • PRESIDENTE DE HONRA
• D. José Luis Álvarez Vázquez • PRESIDENTE
• D. Alejandro Retolaza Vázquez-Viso • VICEPRESIDENTE
• D. Ignacio Sánchez Otaegui • COMODORO
• D. Francisco Pinoo Martins • VICECOMODORO
• D. César Fernández-Casqueiro Domínguez • SECRETARIO
• D. Fernando Yáñez Fernández • TESOUREIRO
• D. Miguel Font Rosell • VOCAL DE INSTALACIÓNS E PROXECTOS
• Dna. Margarita Cameselle Álvarez • VOCAL DE EVENTOS DEPORTIVOS
• Dna. Mª Genoveva Pereiro Álvarez • VOCAL DE RELACIÓNS EXTERIORES

Anuncios