Coincidindo co 25N recala en Nigrán a mostra itinerante “O mar tamén ten mulleres”

A bordo da gamela Santa Rita de José Rodríguez Embudo de Panxón.

Coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, presentouse na tarde deste luns no Auditorio Municipal do Concello de Nigrán a mostra “O mar tamén ten mulleres”, promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres que dedicaron a súa vida ás tarefas do mar no territorio do GALP 7, que abrangue os concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.

Na presentación participaron Juan A. González, alcalde do Concello de Nigrán; Susana González, Patroa Maior da Confraría de Pescadores de Baiona; e Juan Manuel Gregorio Vaquero, presidente do Galp Ría de Vigo – A Guarda, quen explicou que as fotografías desta instalación “constitúen unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo do século XX e axúdannos a contar a historia completa, incluíndo a de aquelas que realizaron labores non remuneradas e que compaxinaron o coidado das familias co mantemento dos aparellos de pesca ou o restrelo dos areais”. Gregorio engadiu que “esta é unha mostra de mulleres que fixeron e fan equilibrios coa patela na cabeza, contada a través de fotografías analóxicas de autores diversos, tomadas ao longo de 100 anos e 130 quilómetros de costa atlántica”.

O acto foi conducido pola poeta Silvia Penas, que lembrou que “a industria pesqueira en Galicia está en débeda co rol e traballo desenvolvido polas mulleres no mar” e que é de xustiza que “as administracións recoñezan esta realidade con mostras como a que hoxe se presenta, porque é necesario crear referentes para que nas xeracións vindeiras academos a igualdade real”.

Nigrán é a terceira poboación do territorio que acolle a mostra despois da súa inauguración na Guarda o pasado xullo, no transcurso do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais, e da instalación en Vilaboa dentro do Canteira Fest en setembro. “O mar tamén ten mulleres” recolle a historia das mariscadoras, as redeiras, as carrexonas, as percebeiras, as peixeiras, as traballadoras da salga e a conserva, as bateeiras e de todas as mulleres do mar. Todas elas foron protagonistas do seu tempo e tamén o son agora desta exposición que recupera as sabenzas de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo e renderlles homenaxe ao rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica.

A exposición presentada este luns foi elaborada tras unha intensa recollida de achegas individuais e cesións de diversos arquivos. Recolléronse case 150 fotos das que foron seleccionadas 30 para formar parte da instalación e do catálogo online, que pode consultarse na web do Galp 7. Con todas as fotografías recibidas elaborouse tamén un vídeo que se proxectou durante a presentación da mostra, que poderá visitarse entre o 25 de novembro e o 1 de decembro no Auditorio Municipal de Nigrán. “O mar tamén ten mulleres” é un proxecto itinerante que percorrerá durante os próximos meses outros lugares do territorio do Galp 7.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar, responsable de aplicar a estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) no seu territorio, que se estende por un total de once concellos que definen os límites terrestres das rías de Vigo e de Baiona: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Este GALP encárgase de xestionar e controlar as axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o desenvolvemento desta estratexia no período 2014-2020. Os seus obxectivos son o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca. Este proxecto inclúese dentro do Obxectivo 4 da estratexia, encamiñado a fomentar o benestar social e a posta en valor do patrimonio cultural das zonas pesqueiras como elemento para reforzar a identidade territorial, acadando maiores cotas de igualdade de oportunidades desde a perspectiva de xénero.

Anuncios