Máis de mil persoas encadéanse en Baiona contra a violencia machista

O casco vello de Baiona viuse este luns ateigado de escolares e veciñanza. Como estaba previsto máis de mil persoas conformaron unha cadea humana que abrangueu ás rúas principais do casco: Lorenzo de la Carrera, Conde e Ventura Misa. A mañá pasou sen ningún contratempo e o alumnado amosouse entusiasmado pola actividade.

Ao rematar de unirse a cadea varios escolares de todos os centros educativos fixeron unha lectura de poemas, cartas e manifestos en contra da violencia machista. Esta cadea simboliza a unión de todas e todos en contra desta lacra que tristemente hoxe volveu acabar cunha vida en Tenerife.

“A acción social é básica para avanzar e mudar ás cousas, hoxe quedou máis que demostrado que Baiona participa e móllase contra ás violencias”, destacou a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira.

Dende a Concellería de Igualdade agradecen a colaboración de toda a xente implicada, o colectivo escolar, as asociacións de mulleres, a Policía local, Protección Civil, ATSA e Galisur e o Ciclo de Animación Sociocultural e Turística do IES 1º de Marzo.