
A Fundación Provincial Banco de Alimentos aproxímase aos 300.000 quilos de comida recadados esta fin de semana durante as dúas xornadas da Gran Recollida (GR2019). Os datos son estimativos e haberá que esperar aínda unhas semanas para coñecer a cifra exacta.
Para a ONG estes 330.000 quilos de alimentos aproximados recibidos na súa fin de semana máis solidaria do ano é unha gran marca, pois abastecerá os seus andeis de produtos básicos para varios meses chegando ata a primavera.
Desde a entidade agradécese publicamente a resposta da cidadanía un ano máis xa que, sen a súa xenerosidade e compromiso coas persoas máis desfavorecidas, non se podería seguir axudando a 20.000 persoas con dificultades na provincia. Nos preto de 160 supermercados adheridos á campaña, o ir e vir de doazóns de produtos básicos foron constantes.
Nesta segunda xornada da GR2019, estivo a recoller alimentos en Vigo e Pontevedra como unha voluntaria máis, a madriña deste ano, a xornalista María Rey, quen animou “a facer a compra e botar unha man” e fixo referencia ao aceso das luces da cidade olívica lembrando que hai persoas que “lamentablemente viven nunha escuridade permanente”.
Recoñecemento especial tanto a ela por desprazarse desde Madrid como aos 2.000 voluntarios sen os que non se podería levar a cabo esta Gran Recollida celebrada estes dous días.
A GR2019 desenvolveuse este venres e sábado en superficies comerciais de Vigo e Pontevedra, así como nas comarcas do Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés ou Deza.
Actividade Banco Alimentos
Durante os seis primeiros meses de 2019, o Banco de Alimentos repartiu preto de 1,1 millóns de quilos. En 2018, entregou ao redor de 1,8 millóns de quilos de comida (1.760,629 quilos), a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa, cubrindo o 35% das necesidades das 20.000 persoas máis desfavorecidas ás que axuda.
A ONG, que este ano cumpre 25 anos de actividade, ese caracteriza por ser apolítica e aconfesional. Dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Desde 2014, a entidade conta con delegación propia en Pontevedra.