Nigrán conmemora o luns Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O Concello de Nigrán súmase un ano máis á conmemoración do “Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres” o luns 25 de novembro con múltiples accións ese mesmo día e coa campaña “En Negro contra as violencias” na que participan máis de cen establecementos comerciais, educativos e sociais do municipio.

A xornada arrancará ás 11:15 horas no IES Val Miñor co obradoiro “Por unha sociedade libre das violencias machistas” que o Concello de Nigrán ofrece a través de Ciudad Ciencia para os alumnos de 3º da ESO. As investigadoras Concepción Castrillo e Ana Vicente, do Grupo de Estudos Socioculturais Contemporáneos da Universidade Complutense de Madrid, desprázanse ex-profeso a Nigrán para impartir este obradoiro onde explicarán conceptos e coñecementos crave sobre xénero e discriminación e, en especial, sobre as agresións sexuais. Con esta actividade preténdese, ademais, visibilizar os diferentes tipos de violencia contra as mulleres e os ámbitos nos que se exercen; esencial para a prevención destas actitudes e comportamentos. O obxectivo primordial é ofrecer ferramentas á poboación xuvenil para identificar a violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións. A continuación, ás 12:00 horas, realizarase unha concentración de 5 minutos na Praza do Concello de Nigrán onde se anima á participación da veciñanza acudindo vestidos de loito en sinal de rexeitamento a todo tipo de violencia machista.

Xa pola tarde, o Concello inaugurará ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a exposición fotográfica do Grupo de Acción Local Ría de Vigo-A Guarda (GALP 7) “O mar tamén ten mulleres”, que visibiliza o traballo feminino neste sector, historicamente nun segundo plano. Esta exposición é froito dunha recompilación de imaxes cedidas por entidades e particulares e que se cingue aos territorios de Nigrán, Baiona, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Oia, O Rosal e A Guarda. “O mar tamén ten mulleres” recolle a historia das mariscadoras, as redeiras, as carrexonas, as percebeiras, as peixeiras, as traballadoras da salga e a conserva, as bateeiras e de todas as mulleres do mar. Todas elas foron protagonistas do seu tempo e tamén o son agora desta exposición que recupera as sabenzas de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo e renderlles homenaxe ao rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica.

A continuación o Concello de Nigrán ofrecerá a proxección da película “El Refugiado”, sinalada polos Premios Cóndor como Mellor Película Argentina do ano 2014 e probablemente un dos mellores retratos sobre a violencia de xénero xamais plasmado na gran pantalla.

Anuncios