Nigrán arranca a programación do 25N coa obra de Teatro do Ar “Sucedáneo”

O Concello de Nigrán arranca este sábado 23 a programación especial con motivo do 25N, Día da Eliminación da Violencia Contra a Muller, coa representación da obra “Sucedáneo” de Teatro do Ar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.

“Sucedáneo” é unha composición do xornalista de Nigrán Pedro Rodríguez Villar. Con ela mergúllase no seo dunha familia durante a desaparición dunha das súas fillas. “Carmen desapareceu sen deixar rastro. Era o día do seu 17 aniversario e coincidía toda a familia ao fin. Saíu pola tarde e xa non volveu, ninguén a viu nin ninguén sabe onde está. Susana, a súa nai, chamou á policía esa mesma noite, pero non a toman en serio… Así comeza a obra. “Interésame reflectir a desesperación de non saber nada, quero que todos queiramos saber onde está Carmen”, explica o autor e director desta compañía de teatro afeccionado de Nigrán.