Sin categoría

ACAE-GALICIA imparte unha conferencia sobre a cría de aves no IES Terra de Turonio

ACAE-GALICIA (Asociación de Criadores de Aves Exóticas de Galicia), AVIORNIS INTERNACIONAL e a F.O.R.G. (Federación Ornitolóxica Rexional Galega), están a realizar conferencias totalmente gratuítas tanto en Colexios Públicos, Centros Culturais, Asociacións de Veciños e en todo lugar onde se lles solicita co fin de que todos coñezan a súa afección, de difundir o que fan, de compartir a súa idea de que “criar é conservar” e a cría en catividade é o futuro de moitas especies.

Este mércores a conferencia “Criar é conservar, educando para o futuro” chegou ao IES Terra de Turonio de Gondomar, coa participación de máis de 100 alumnos e alumnas que se mostraron moi interesados. Ademais, ao finalizar houbo unha quenda de preguntas, moi interesantes todas elas, e a sorpresa de que varios dos alumnos son afeccionados e algún criador.

Desde sempre a cría en catividade significou avances substanciais para poder entender o que realmente significa a conservación. Moitas especies están a ser condenadas á súa extinción e os criadores/afeccionados xogan un papel moi importante neste sentido criando e observando comportamentos ou hábitats idóneos para que se reproduzan algunhas especies. Colaborando en proxectos de conservación coa cría en catividade e posterior liberación nos seus estados naturais de exemplares onde o seu número de especies en liberdade foi literalmente decimado por causas alleas á prohibición de cría en catividade.

Baixo o lema “Criar é conservar, educando para o futuro”, Francisco Javier Rodríguez Penedo -avicultor federado, Xuíz Nacional de Paxaros Exóticos e OMJ (Organización Mundial de Xuíces) en Psitácidos- expón durante aproximadamente unha hora a problemática que existe realmente non só nas capturas ilegais de exemplares no seu estado salvaxe, se non a destrución dos seus hábitats con fins comerciais e o declive de moitas especies pola man do home, a contaminación dos recursos naturais, cunha presentación en PowerPoint e dous vídeos, xunto cun amplo repertorio fotográfico.