O Vigo-Rías Baixas ata a Íñigo González

O que empezou como un acordo puntual para un par de carreiras desembocou nun proxecto conxunto de futuro. Íñigo González, que a pasada campaña uniuse ao Vigo-Rías Baixas na recta final da tempada, será unha das pezas básicas da estrutura presidida por José Luis Chamorro a próxima campaña. O corredor vasco, de 20 anos, decidiu aceptar a proposta do equipo flúor para incorporarse definitivamente ás súas filas.

Procedente do Telcom navarro, o ciclista de Zalla reforzou o pasado mes de setembro á formación olívica para disputar as dúas últimas roldas por etapas do calendario amateur, a Volta Provincia de València e a Volta a Galicia. A experiencia deixou un gran sabor de boca a ambas as dúas partes. “Puiden apreciar a orde e a organización que hai dentro e fóra do equipo. A gran calidade humana que existe tamén me fixo sentir moi a gusto”, comenta González.

Esta convivencia tivo un final abrupto na Volta a Galicia. No transcurso da penúltima etapa, o biscaíño viuse obrigado a abandonar tras dar cos seus ósos no asfalto. Un duro revés tanto a nivel persoal como colectivo, dado que era unha das principais bazas do Vigo-Rías Baixas para loitar pola clasificación xeral.

González estaba a ratificar nas estradas galegas as excelentes sensacións ofrecidas ao longo do curso. No seu segundo ano como sub-23, clasificouse entre os seis primeiros en catro voltas, sobresaíndo o terceiro posto obtido na xeral final de Palencia.

Agora, ás ordes de Marcos Serrano, quere continuar coa súa progresión en 2020: “Neste equipo todas as carreiras son importantes, pero destacaría como primeiro gran obxectivo a Copa de España. Iremos con ilusión e ganas, aínda que hai que ser realistas e ter en conta que nos imos a atopar moitos rivais dun nivel moi alto”.

A chegada de González únese ás anteriormente anunciadas polo Vigo-Rías Baixas de Mauricio Moreira, Noel Martín, Manuel Sampedro e Brais Gómez.