A Xunta asume a xestión das depuradoras de Nigrán e Gondomar

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a axuda inxente que a Xunta lles presta aos concellos de Nigrán e Gondomar ao asumir a xestión das súas depuradoras de augas residuais e reclamou implicación das deputacións provinciais neste labor de apoio aos municipios.

O Goberno galego destinará o vindeiro ano 1,5 millóns de euros a manter en funcionamento as estacións depuradoras de augas residuais destes dous concellos do Val Miñor, asumindo así as competencias locais sobre o tratamento das augas residuais.

Vázquez Mourelle participou hoxe nas xornadas formativas do Proxecto Aqualitirans, cuxos estudos achegan un modelo para acadar depuradoras máis eficientes enerxeticamente e sostibles a nivel ambiental e económico.

Indicou que Aqualitrans é un proxecto europeo, no que participan diversas entidades de Galicia e Portugal na procura de sistemas máis eficientes no funcionamento das EDAR ao que a Xunta dedica 1 M€ coa financiación do Fondo FEDER.

Subliñou que este proxecto de cooperación transfronteiriza fixo estudos enerxéticos en 20 depuradoras, 10 galegas e 10 portuguesas, para desenvolver proxectos piloto nas EDAR que resultaron seleccionadas.

Salientou que se trata dunha experiencia relevante porque permitirá extrapolar a outras depuradoras as conclusións extraídas e transferir o coñecemento de como hai que desenvolver tanto as auditorías enerxéticas como a implementación de melloras.

No caso de Galicia, resultaron elixidas para desenvolver estes proxectos piloto as depuradoras de Nigrán, Gondomar, A Pobra do Caramiñal, Ares e Cedeira.

A conselleira lembrou que no caso das depuradoras de Nigrán e Gondomar, aínda que a depuración é unha competencia dos Concellos, a Xunta está colaborando máis alá no que lle esixe a lei coa construción e o mantemento destas dúas EDAR.

Apuntou que no caso da depuradora de Nigrán conseguíronse melloras enerxéticas grazas ao aumento da eficiencia da aireación e melloras na explotación, xa que a mellor regulación do reparto de aire entre as balsas facilita que se acade a consigna de osíxeno con maior facilidade, conseguindo unha diminución de custes e de tempo de mantemento.

No caso da EDAR de Gondomar, sinalou que se traballou no bombeo de cabeceira conseguindo maior flexibilidade na regulación do caudal e unha diminución dos alivios.

Ethel Vázquez enmarcou estas experiencias piloto dentro do plan de acción da Xunta e de Augas de Galicia, que agora se está centrando moito máis na explotación e o mantemento axeitado das instalacións, ao ver como moitas instalacións municipais non están funcionando de forma axeitada.

Fixo fincapé en que cómpre traballar nos sistemas de saneamento e depuración como un todo, xa que moitas veces os problemas das depuradoras son consecuencia de deficiencias nas redes de colectores. Neste sentido, puxo o acento en que non sería responsable ter que facer as obras cinco veces por culpa de non darlles un adecuado mantemento.

Destacou que a Xunta aposta por poñer unha ferramenta a disposición do Concellos para, entre todos, aproveitar as economías de escala que se producen ao xestionar varias instalacións ao mesmo tempo co obxectivo de poder profesionalizar máis o servizo, pensando sobre todo, nas instalacións máis pequenas.

Anuncios