Emprendedores desde a escola en Baiona

O CPI Cova Terreña de Baiona volve sumarse este curso ao programa “DepoEmprende na Escola”, posto en marcha por terceiro ano consecutivo pola Deputación de Pontevedra, e que ten como obxectivo fomentar o emprendemento entre os máis novos. Os 19 alumnos e alumnas de 6ºB veñen de constituírse como unha empresa cooperativa. Xa teñen equipo directivo, escollendo aos membros mediante votación, despois de escoitar as campañas que prepararon os candidatos/as.

Decidiron chamarse “Aloumiños de papel”. Para axudarlles a crear o seu nome e o logo da empresa tiveron unha charla dun arquitecto e unha experta en comunicación (Ismael e Patricia, pais dunha socia). “Somos nenos/as concienciados co medio ambiente polo que os produtos artesanais que elaboraremos serán con material ecolóxico e sostible, procurando reutilizar material sempre que sexa posible. Tivemos a sorte de gozar cun obradoiro de costura con Remedios Ruibal, titulada en patronaxe e deseño. Ensinounos a crear adornos cosendo retais”, destaca a presidenta da cooperativa, Carolina Vázquez.

Os produtos que elaborarán e venderán, sobre todo, nun mercado local e tamén, a finais de curso, nun mercado coas cooperativas de todos os centros que están no proxecto. O 60% dos beneficios acadados serán para a protectora de animais “Bai.Senpulgas” e para a ONG “Ayuda al Mundo Necesitado” de Baiona, a partes iguais. O restante será para facer unha actividade común.

Este mércores terán un evento moi importante, xa que irán á Deputación de Pontevedra a recoller o NIF de empresa.

O CPI Cova Terreña de Baiona xa participou no 2018 no programa “DepoEmprende na Escola”, cos 19 alumnos e alumnas de 6ºA de Primaria, que constituíron a sociedade cooperativa “Artesáns&Kids”.

Os principais obxectivos destes tres proxectos da institución provincial son fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, DepoEmprende tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

“DepoEmprende na Escola” é un proxecto educativo dirixido ao alumnado de educación primaria (5º ou 6º curso) e de educación especial, que, durante o curso escolar, crearán e xestionarán unha cooperativa, na que fabricarán produtos que venderán unha vez ao ano nun mercado ou feira da súa localidade. Pola súa banda, “DepoEmprende na ESO” diríxese a mozos e mozas de 14 a 16 anos (3º e 4º da ESO) que estuden, preferentemente, as materias de Iniciativa Emprendedora e Empresarial, Economía, Ciencias aplicadas á actividade profesional ou similares. Por outra banda, “DepoEmprende na FP” está dirixido fundamentalmente a centros que imparten Formación Profesional de Grao Medio ou Superior.

O curso pasado 2018/2019 participaron no programa “DepoEmprende na Escola, na ESO e na FP” un total de 20 centros educativos pertencentes a 14 concellos da provincia.

2019-11-18 - IMG_20191114_113048

Anuncios