A Xunta pon en servizo a glorieta da senda entre Gondomar e A Ramallosa na PO-340

A Xunta vén de poñer esta tarde en servizo unha glorieta na estrada PO-340, na intersección coa vía provincial que vai a Donas, en Nigrán, para aumentar a seguridade e facilitar a mobilidade dos veciños desta contorna, tras finalizar os traballos que se retomaban o pasado mes.

Esta rotonda está enmarcada no proxecto da senda peonil e ciclista entre Gondomar e A Ramallosa, unha obra na que o Goberno galego inviste 2,3 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria da estrada PO-340.

A glorieta executouse no punto quilométrico 20+340 da estrada autonómica e complementa o itinerario construído, pois contribuirá ao calmado do tráfico, reforzará a seguridade dos peóns e ciclistas e facilitará os xiros á esquerda na estrada neste punto.

Para executar esta infraestrutura era necesario retirar uns postes da rede eléctrica, polo que vez resolto este problema, acometeuse a glorieta.

Cómpre lembrar que o Goberno galego mobilizou xa uns 3,2 millóns de euros en sendas peonís na comarca do Val Miñor e destinará un total de 1,6 millóns de euros a eliminar os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas da contorna.

Anuncios